RESUMO DA XORNADA FINAL

Cadro completo do campeonato, crónica da xornada final, e fotografías dos recoñecementos para os finalistas e gañadores.




Tras un mes de tenis do máis alto nivel, este domingo veñen de xogarse as dúas finais do torneo.

Na primeira, correspondente ó cadro B, enfrontáronse dous xogadores que ben podían ter xogado a outra final. 

Por un lado Óscar, que no primeiro partido do torneo tivo que enfrontarse a Pablo (finalista no cadro A). No seguinte partido sacou o seu mellor tenis para impoñerse con comodidade a David, e na semifinal gañou o pase á final pola lesión do seu rival Enrique.
No outro lado da pista tiña a Chi-Shin, sen dúbida un dos grandes descubrimentos do torneo polo seu tenis e pola súa simpatía. En primeira ronda caeu derrotado nun partido igualadísimo con Eloy, en segunda ronda venceu a Eduardo xogando un moi bo tenis, e na semifinal impúxose a Ángel nun partido moi igualado ó principio que terminou gañando cunha fortaleza mental brutal.

A final comezou como se espera en este tipo de partidos. Reparto de xogos para un e outro, boas defensas do servicio e peloteos de moitísimo nivel. Chegando ó ecuador do mesmo cun igualadísimo 4-4. Sen embargo foi a partir dese momento cando Óscar dou un paso á fronte e comezou a facerse dono do partido, cun bo posicionamento na pista e un repertorio variadísimo de golpes que terminou por sacar do partido a Chi. A alternancia de golpes profundos de dereita con deixadas maxistrais na rede, fixo que Chi terminase cedendo ante o tipo de xogo que el viña practicando con maestría durante todo o torneo. Ó final, un 9-4 para Oscar que non reflexa a igualdade que se viviu na pista en todos os puntos que se disputaron. Sen dúbida, o mellor aperitivo para o público presente do que se viña a continuación.

Coa grada xa impaciente por ver máis tenis, saltaron á pista os dous finalistas do cadro A do torneo. José Miguel, o segundo xogador máis novo do torneo, tivo un camiño cómodo ata a final grazas ó seu magnífico desempeño na pista. En primeira ronda desfíxose de Jose Ángel co primeiro rosco do torneo. En segunda ronda dou boa conta de Miguel Ángel e na semifinal competiu a un altísimo nivel contra Carlos para facerse co seu billete directo para a final. Ó outro lado da pista tiña a Pablo, que en primeira ronda derrotou a Óscar nun partidazo entre dous dos mellores xogadores do torneo, en segunda ronda venceu a Miguel con certo marxe e na semifinal nos regalou sen dúbida un dos partidos do torneo. o único no que o marcador superou os 9 xogos. Tivo que tirar de épica para levantarlle a Unai un 5-8 en contra e terminar por impoñerse cun marcador de película 11-9.

Coa pista chea de público, a música sonando e a presenza das autoridades competentes, os comentaristas (co gran Carlinhos recén chegado do Brasil) procederon a presentar por megafonía ós dous finalistas, remarcando os logros de cada un deles para acadar esa ansiada praza na final.  

O partido comezou como a final anterior, con intercambios de peloteos eternos e alternancia de xogos no marcador. Os magníficos servizos de José Miguel e o seu xogo de dereita eran contrarrestados por un Pablo que as devolvía todas e cando tiña que sacar o brazo era un martelo percutor. Golpes de todos os estilos e para todos os gustos, dereitas, reveses cortados, os xogadores correndo e chegando a todas as deixadas, remates axustados ó máximo ás liñas do campo... en definitiva, un xogo digno de dous finalistas.

Co 4-3 ó seu favor, José Miguel conseguiu rachar o servizo de Pablo e abrir un oco de dous xogos que parecía suficiente. Co 5-3 comezaron as dúbidas e o cansanzo físico empezou a aparecer. Nos cambios de campo os xogadores aproveitaban para tomarse o descanso pertinente e mesmo José Miguel optou por cambiar as zapatillas no momento no que a pista rematou de secar. Sen baixar o seu nivel en ningún momento e pese ós esforzos de Pablo por manterse no partido, deixando este a alma xemido a xemido en cada golpe, chegouse a un 8-4 que parecía decantar a final do lado de José Miguel. Sen embargo se algo nos regalou Pablo durante este torneo foi entrega, paixón e esa ambición necesaria para non darse nunca por vencido. Sacou forzas de onde xa poucas quedaban e tirando de épica, do recordo das semifinais e desa lei non escrita de que o que xoga coa camiseta oficial do torneo ten a sorte do seu carón, conseguiu levar o marcador a un 8-6 que nos fixo pensar a todos que quedaba final para rato. 

Pero foi nese intre cando José Miguel, tirando de temple e dunha frialdade mental máis propia dun veterano que dun rapaz de 20 anos, tirou de solidez para poñer un 40-15 que lle daba dúas bola de campeonato. E como fan os máis grandes, non lle temblou o brazo e non defraudou ó seu público. Na primeira delas e cun Ace, fíxose co partido, co torneo e co trofeo que lle acredita como o primeiro gañador do torneo.

Tras as pertinentes entrevistas ós dous xogadores, nas que se viu o respecto e admiración entre ambos, pasouse ó discurso de agradecementos do presidente da Asociación Veciñal, como entidade organizadora do torneo. Acto seguido, a recentemente nomeada Concelleira de Barrio do Ventorrillo, Nereida Canosa, procedeu á entrega dos trofeos ós xogadores que disputaron a primeira das finais e o Concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez fixo o propio cos dous finalistas do cadro principal. 

Tralas pertinentes fotografías que inmortalizaron o acto e a xornada, a música tomou protagonismo mentres público, participantes, organizadores e autoridades finalizaban unha xornada insesquecible departindo cuns refrixerios e uns pinchos no Bar de la Pista.

Longa vida ó Torneo Amateur de Tenis do Ventorrillo.












Ningún comentario:

Publicar un comentario